Álvaro Valiño

Infografista

Galicia
www.alvarovalino.com
  • pictogramasRio2016_TheWashingtonPost AV
  • Future Of Food Álvaro Valiño
  • Pictogramas Álvaro Valiño
  • Berlanga Publico Álvaro Valiño
  • Portada Science Álvaro Valiño
  • Proporciones cosmicas Álvaro Valiño

Filosofía de traballo

Penso que deseñar vai máis aló da solución formal, deseñar tamén é decidir o contido, facer as preguntas correctas para obter respostas interesantes. Pola miña experiencia traballando en xornais xulgo que é tan importante decidir o que se descarta coma a información que se destaca, ese proxecto de edición axudoume moito para encarar proxectos fora do editorial.

Tamén considero que o traballo do deseñador debe ser utilitario, servir a uns fins. Pero non confundamos utilitario con gris. Ese fin ben pode ser emocionar. 

Formalmente o que máis me interesa é a síntese visual, traballar con datos e información para por medio da codificación e a representación comunicala cos menores elementos posibles. Preto do minimalismo pero coa vontade máis universal que sexa posible. Nese punto de equilibro é onde quero ficar.

Referentes

O traballo desenvolvido polo instituto Isotype, creado por Otto Neurath, sociólogo e filósofo do Círculo de Viena, no período de entreguerras. Neurath tivo a visión de que para empoderar ás clases populares e traballadoras, estas tiñan que coñecer a realidade na que vivían a partir dos datos e feitos que a definían. Para elo creou un xeito de comunicar eses datos a través de gráficas e pictogramas. Esa forma de visualizar a información faina accesible e comprensible. Marie Neurath tivo un rol fundamental como transformadora desas estadísticas en información e Gerd Artnz, artista membro dos Progresistas de Colonia encargouse de definir o seu grafismo, logrando a máxima síntese sen perder mensaxe. O seu traballo legou a concepción moderna que temos dos iconos gráficos.

Proxectos destacados

  • A serie By the Numbers para National Geographic, 15 dobres páxinas para a edición internacional da revista, na que temáticas máis propias de comunidades científicas eran achegadas a unha audiencia xeral. As infografías partían dunha visión xeral a partir de datos globais e nun segundo nivel de lectura un caso de estudio baixaba o tema ao concreto. Por exemplo, a crise climática e as súas posibles ameazas para a saúde e o caso concreto da extensión do dengue a latitudes onde antes non era endémico.
  • O set de pictogramas olímpicos para The Washington Post, porque tiven a oportunidade de cumprir un dos soños/ desafíos que ten todo deseñador de sistemas pictográficos: codificar ese rico catálogo de expresións físicas nun set restrinxido, coherente e eficiente. Funcionou no amplo contexto de usos e situacións dispares nos que os empregou o cliente. Os pictogramas terminaron sendo o branding da súa cobertura informativa de Rio 2016.
  • A portada da revista Science do descubrimento científico do ano, no que dun xeito sintético ilustrei o fenómeno complexo das ondas gravitacionais que se xeran ao colisionar dúas estrelas de neutróns.
  • E sen dúbida, o traballo de infografía que fixemos no xornal Público durante os catro anos que durou esa breve pero intensa aventura. Penso sinceramente que tivemos un gran impacto na prensa tanto nacional coma internacional.

Experiencia destacada

Destaco a experiencia de colaborar na revista satírica Mongolia. Creo que o humor é un sinal explícito da intelixencia, de como procesamos información e a comunicamos para conseguir cóxegas cerebrais. A sátira é tamén un termómetro da nosa sociedade, mide a súa tolerancia e a garantía da liberdade de expresión. Atopo que reaccionar a actualidade dándolle a volta de xeito gráfico, buscar relecturas en clave visual é un exercicio tremendamente inspirador.