Cenlitros
metrocadrado

Deseño industrial

O Milladoiro (Ames, Santiago de Compostela)
Xabier Rilo, Ricardo Tubío, Manuel del Río
www.cenlitrosmetrocadrado.com

Filosofía de traballo

Cenlitrosmetrocadrado é un estudio de deseño e comunicación que se constitúe coa intención de ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que vaia máis alá da simple función práctica e que atenda tamén funcións de carácter emocional e social. Cunha identidade de marcado carácter atlántico desenvolve proxectos que van desde o gráfico, produto, espazos ata a coordinación de equipas de traballo en ámbitos creativos.

Referentes

Obxectos artesanais procedentes da tradición, Sargadelos, o deseño escandinavo de Hans Wegner, Tapio Wirkkala, a tradición xaponesa de Naoto Fukasawa e a marca Maruni Wood Industry, Muji, o deseño social de Enzo Mari, a boa forma de Dieter Rams, Braun, a Apple de Jonathan Ive ou Jasper Morrison para Rowenta.

Proxectos destacados

  • Loxe Mareiro. Acondicionamento de local para hostalería.
    A intervención ten como obxectivo reinterpretar o tradicional chiringuito de praia, xogando con conceptos como o carácter temporal das solucións, a improvisación, a polivalencia ou o emprego de materiais reutilizados e de baixo custe.
  • Vaixela Ferrádica. Deseño e desenvolvemento de soporte en porcelana para a degustación en alta gastronomía
    As solucións superficiais destas parceliñas (labrado, plano e cóncavo, para resolver desde o snack seco ata as elaboracións de culler) e as súas combinacións dan lugar a tres pratos que cumpren as funcións habituais nunha vaixela. Ademais de actuar de xeito autónomo, todas as pezas poden combinarse entre si ao longo dos seus eixos principais.
  • Minia Cadeira. Deseño e desenvolvemento de cadeira para exposición “Da árbore á cadeira”.
    Minia está producida a partires de pezas planas de espesor constante que se van orientando en cada punto na dirección dos esforzos. Esta fórmula permítenos conxugar as mellores condicións de resistencia e a lixeireza derivada da redución do material.
  • Lusi Mesa. Deseño e desenvolvemento de mesa para Alfonso Salgado
    Lusi nace coa intención de aunar a calidez e proximidade do mobiliario doméstico e a limpeza e pragmatismo das solucións de oficina, esta vocación por acurtar distancias foi unha constante en todo o proceso de deseño.

Experiencia destacada

Máis que un momento puntual queremos destacar a satisfacción que nos aporta unha liña de traballo interna que puxemos en marcha dende o inicio da actividade do estudio. É un espazo destinado á exploración e investigación a través de pequenos autoencargos que con frecuencia tamén acabamos autoproducindo. A idea inicial era facernos visibles a través destes pequenos proxectos, máis co tempo acabou sendo un campo de traballo que en moitos casos alimenta aos encargos cotiáns do estudio.

A maioría soen ter un enfoque reflexivo acerca de obxectos, costumes ou particularidades locais sobre os que tentamos reinterpretar dende unha óptica máis global e contemporánea.