Cucuducho

Deseño

Lois Guillán
Santiago de Compostela
www.cucuducho.com

Filosofía de traballo

Os nosos deseños están comprometidos coa educación e coa cultura, creen na colaboración entre profesionais de distintos ámbitos e confían na sinxeleza para potenciar a imaxinación dos nenos. Por iso, partimos de conceptos moi simples para desenvolver os nosos obxectos. Facemos partícipes a ilustradores, artesáns, músicos, arquitectos e deseñadores para achegar valor aos nosos produtos. Impartimos obradoiros para fomentar a cultura entre os máis pequenos, mediante técnicas e procesos creativos.

Referentes

Se tivese que mencionar un referente na miña carreira profesional ese sería Héctor Serrano. Foi a través do deseñador valenciano que comecei a interesarme polo deseño. A sinxeleza dos seus deseños convive, en ocasións, de xeito natural co enxeño, a ironía e unha carga lúdica. Compoñentes todas, moi presentes nos deseños de cucuducho.

Proxectos destacados

Tal vez, destacaría o proxecto Maijom. Maijom é un escritorio dobre que tamén funciona como un versátil elemento de xogo. Ao mesmo tempo, o seu elevado valor estético convérteo nun prezado obxecto decorativo dentro de calquera espazo para nenos. Este escritorio supuxo diferentes satisfaccións no ámbito profesional pero, principalmente, supuxo unha ledicia inesperada no ámbito persoal. Grazas a dispoñer dun escritorio na casa para os nenos, puiden comprobar como no meu fillo Lucas xerminaba e se potenciaba o interese polo debuxo e a pintura a raíz de compartir este elemento de xogo coa súa irmá Emma.

Experiencia destacada

Nos inicios do proxecto, e tratando de afondar na idea de ir máis aló, de non quedar nunha simple editora de obxectos para nenos, tiven a sorte de coñecer ao músico e compositor Pedro Pascual. Tras presentarlle o proxecto, decidiu colaborar coa creación dunha peza ex professo coma acompañamento musical ao vídeo de presentación do proxecto. Cando escoitei a primeira proposta quedei abraiado. Pareceume incrible como fora quen de captar e sintetizar de maneira tan sublime a esencia do proxecto nunha peza musical. Nese momento certifiquei que o éxito do proxecto pasaba polas colaboracións, por engadir sensibilidade e honestidade ao mesmo.