Desescribir

Deseñadores

Galicia
Cibrán Rico López, Suso Vázquez Gómez
www.desescribir.com
  • Günter Förg. Verfolgen Malerei Fundación Luís Seoane 2015
  • CaboSanRoque. La Cobla Patafísica 2015-2001 Fabulatorio / Arts Santa Mònica. Barcelona 2015
  • u non canto por cantar Manuel Rico e Antón Santamarina GADIS
  • kleinigkeiten/cousiñas María Reimóndez Fabulatorio 2013
  • Ostalgia Simona Rota Fabulatorio 2013
  • Jardin en movimiento. Gilles Clément

Filosofía de traballo

Se os libros existen para contar historias, o traballo de deseñador editorial non é moi diferente ao dun conta-contos: atopar o rexistro e o ton máis acaído á historia que se quere contar. De maneira xenérica un libro é un soporte para transmitir coñecemento. O traballo do deseñador editorial debería ser, en esencia, comunicar ese contido do xeito máis efectivo posible: deseñar «PARA» unha idea. No particular, un libro tamén é oficio: escoller una tipografía, seleccionar o papel acertado, optar por un método de encadernación específico e unha técnica de impresión concreta… un largo etcétera de decisións propias de deseño ou, enunciado doutro xeito: deseñar «CON» unha idea.

En desescribir gústanos deseñar e editar «PARA» e «CON» ideas: libros imaxinativos, coherentes, útiles… Pensamos que os libros conservan a capacidade de comunicar a través do seu contido e da súa forma; que manteñen intacta a habilidade de propoñer outros tempos. Cremos que o ideal ilustrado dos libros segue sendo válido, que representan unha das maneiras máis próximas e efectivas de resistencia, ou como di Régis Debray: «Behind the ‘Re–’ of Reformation, Republic ou Revolution, there is a hand flicking through the pages of a book.» Non debe ser só coincidencia que entre as palabras «libro» e «libre» exista só unha vogal de diferencia.

Referentes

Sen dúbida, un referente ao que sempre mirar é, para nós, Luís Seoane. Chámanos a atención como a súa ávida curiosidade supera as dificultades daquel momento para chegar a conquerir tan boa información sobre o que se estaba a facer en Europa e no resto do mundo. Esta vontade, xunto coa súa desbordante creatividade, fai do seu traballo vangarda. O discurso de Seoane está no mundo. Abraian as súas achegas conceptuais e gráficas, o coñecemento profundo do offset, a súa concepción do libro como obxecto e a calidade de cada traballo en tan grande produción. Impulsor de proxectos, empresas, editoriais e coleccións, deseñaba adiantando o que é hoxe a nosa profesión. Deseñaba cun fin máis alá de si mesmo. Deseñaba para todas e todos nós.

Proxectos destacados

  • Günther Förg. Verfolgen Malerei. O catálogo de Günther Förg para a Fundación Luís Seoane tenta fuxir dos estereotipos de catálogo de arte: grandes dimensións, papel estucado de alta gramaxe, etc. Preténdese comunicar as claves da obra de Günther Förg a través dos elementos propios do deseño editorial, tanto gráficos coma construtivos. O libro foi recoñecido cun «Pencil» nos D&AD awards 2015 e cun premio Laus 2016.
  • Ostalgia, Simona Rota. O fotolibro Ostalgia constrúe unha narración sobre a ficción do benestar no antigo bloque soviético a través de secuencias de imaxes de edificios monumentais interrompidas por fotos do álbum familiar da propia autora. A forma, materiais e tipografía do libro queren introducir ao lector no ambiente no que se desenvolve a narración.
    Ostalgia foi recoñecido co premio PhotoEspaña ao mellor libro de fotografía editado en España e foi elixido polo ICP de Nova Iorque coma un dos dez mellores fotolibros do 2013.
  • El jardín en movimiento. Gilles Clément. Cun orzamento limitado, indagamos no proceso de produción para poder acadar variacións nas cubertas. Facendo referencia a contido e título, conseguimos catro cubertas diferentes para un mesmo libro, todas do mesmo xardín. Este traballo recibiu un LAUS bronce no 2013.