Marcos Dopico

Deseñador

Vigo
www.maistypes.com
  • Tipografía Isaac Sans (2012-2015)
  • Tipografía Atlántica Serif (2015-2016)
  • Tipografía Raia (2014-2016)
  • Adaptación tipográfica para o logotipo da Asociación Galega de Deseñadores DAG
  • Adaptación tipográfica para o logotipo da empresa de deseño de lámparas Arturo Alvarez.
  • Creación de tipografía para o logotipo do estudio de deseño Cenlitrosmetrocadrado

Filosofía de traballo

En cada proxecto de deseño de tipografía parto de dúas ideas básicas; por unha banda a concepción da tipografía como unha ferramenta universal para a resolución de calquera problema de comunicación. Dende ese punto de vista a tipografía debe ser efectiva e funcional dentro do contexto para o que xurde. Por outra banda a tipografía é hoxe en día un dos maiores transmisores e definidores de identidade dentro dos proxectos de deseño gráfico. En disciplinas como a identidade corporativa ou o deseño editorial a tipografía que atende ao contexto, á historia e á identidade propia, supón un modelo efectivo para a creación dun programa gráfico completo. En este sentido, as raíces atlánticas, o lugar de orixe, posúen unha influencia definitiva no meu traballo.

Como transfundo máis amplo tento seguir as ideas orixinarias que guiaron o Proxecto Moderno dende mediados do século XX, as bases do deseño de progreso e transformador da sociedade que tenta sempre mellorar as condicións de vida do ser humano.

Referentes

Otl Aicher

Para min un dos referentes máis destacados no mundo do deseño foi o deseñador Alemán Otl Aicher (1922-1991), non so dende o punto de vista do proxecto e o compromiso político senón tamén dende a ética en relación á profesión do deseño. Non so foi capaz de adiantarse aos seus tempos propoñendo dende mediados do século XX cuestións como a ecoloxía e a sustentabilidade dentro dos procesos do deseño senón que elevou a figura do “deseñador total” involucrado dentro de todos os procesos das empresas coas que traballaba. Foi quen de crear proxectos clave que aportaron conceptos novos na historia do deseño e en diferentes campos, como as identidades para os xogos olímpicos de Munich 72 e Lufhtansa, ou mesmo o deseño da tipografía Rotis que supuxo a creación dunha nova categoría tipográfica.

Proxectos destacados

  • Deseño da tipografía «Isaac Sans»
    A Isaac Sans é unha tipografía “lineal grotesca construída”, que recolle a vella idea de facer compatible a vangarda radical coa funcionalidade dun texto de lectura, pero tamén é unha mirada cara ós referentes históricos da tipografía galega, onde se optou por levar as artes aplicadas —craft— dende o mundo da artesanía, o debuxo ou a ilustración ao deseño de tipografías. Isaac Sans é unha familia tipográfica que tenta recoller esa tradición da letra galega e propoñer unha tipografía contemporánea e versátil, unha ferramenta para resolver un amplo número de problemas no campo da comunicación gráfica. Posúe 7 pesos e as súas correspondentes itálicas e está publicada en formato OpenType con codificación de alfabeto latino “Latin 1” e os seus idiomas soportados.
  • Deseño de tipografía «Atlantica Serif»
    Atlantica Serif é unha tipografía Romana «de Transición» deseñada para usos editoriais. Posúe un baixo contraste entre os trazos horizontais e verticais para favorecer a súa lexibilidade en textos de tamaño pequeno e en medios dixitais. Está publicada en 8 pesos (Thin, Light, Book, Regular, Medium, SemiBold, Bold e Black) e as súas correspondentes itálicas. en formato OpenType con codificación de alfabeto latino «Latin 1» e os seus idiomas soportados.
  • Deseño de tipografía «Raia»
    Raia é unha tipografía lineal xeométrica-industrial con certo carácter humanístico creada para proxectos de sinalización corporativa de interiores. Posúe 3 pesos e as correspondentes itálicas en formato OpenType con codificación de alfabeto «Latin 1» e os seus idiomas soportados.

Experiencia destacada

Ademais da práctica profesional, resulta fundamental para min a labor investigadora e docente. Unha das experiencias máis clarificadoras son os resultados das investigacións históricas dentro do mundo do deseño, que dan como froito publicacións, conferencias, artigos de aplicación docentes nas clases da universidade. En este sentido destaco as experiencias de publicación de dous libros de investigación; “Propuestas para un diseño normal”, Ellago Ediciones: Castellón (España), 2009, e “Arqueología tipográfica: La evolución de los caracteres de palo seco”, Campgràfic Editors: Valencia (España), 2011.