María Ramos

Deseñadora

Santiago de Compostela
www.marsidesino.com

Filosofía de traballo

É importante o coidado dos detalles, neles reside o valor diferenciador do deseño. Na súa vertente estética, entendo o meu traballo como unha mestura de artesanía e arte. As ferramentas dixitais permiten axilizar procesos pero o deseño segue sendo un oficio que require unha fase previa de bosquexo, investigación e organización de ideas. É na súa vertente funcional onde o deseño se aparta das disciplinas artísticas. A experimentación é posible se non se perde de vista a funcionalidade. Este é precisamente o campo no que me gusta xogar, innovar con sentido, intentando sempre que se perciba o traballo dunha persoa e non o dunha máquina.

Referentes

Tendo a inspirarme en cousas que non están directamente relacionadas co meu traballo: a natureza, as paisaxes, a artesanía, a arte… A música por exemplo axúdame á hora de desenvolver proxectos, permite crear un espazo idóneo para a creación. Sería moi difícil facer unha lista de referentes con nomes concretos. Do mesmo xeito que escoito estilos de música moi diferentes, tamén son entusiasta de creadores moi diversos e estou sempre na procura de novos nomes que engadir á lista. Unhas das últimas incorporacións é Imre Reiner, un histórico xa coñecido por moitos pero un novo coñecido para min. Outros referentes sempre estiveron aí, temporalmente de maneira anónima, tal é o caso de Carol Twombly en tipografía.

Proxectos destacados

  • Kinetic: é a tipografía que inaugurou a marca tipográfica NM type, un proxecto colaborativo con Noel Pretorius. Kinetic é unha tipografía xeométrica pouco convencional. O seu deseño está principalmente inspirado polas esculturas móbiles de Alexander Calder e a súa maneira de entender a xeometría e a arte. En 2018, Kinetic foi merecedora dun dos certificados de excelencia tipográfica que concede o Type Directors Club de Nova York.
  • Sastre: é unha familia tipográfica creada durante o mestrado de deseño de tipografías da Universidade de Reading (Inglaterra). É unha familia multiescritura que inclúe o alfabeto latino, grego e hebreo. O seu deseño está pensado para que a estrutura quebrada dos caracteres non se perciba en tamaños pequenos de texto. En 2015, foi premiada pola revista americana Print. En 2016, foi finalista nos premios internacionais de tipografía Morisawa (Xapón) e foi seleccionada para a exposición internacional de tipografía Pangramme (Francia).

Experiencia destacada

  • 2013 – MARCO. Vigo. O bosquexo do mundo.
A colaboración con outros profesionais permite combinar experiencias e coñecementos para enriquecer os proxectos. NM type supón traballar a diario cunha persoa que se atopa a miles de quilómetros de distancia, un desafío e unha oportunidade ao mesmo tempo. Nesta mesma liña tamén me gustaría destacar Alphabettes. Creado en 2015, é un grupo aberto que busca dar visibilidade e promover o traballo feito por mulleres no campo da tipografía, a caligrafía e a letra debuxada, fomentando a diversidade cultural e a igualdade.