Verónica Moar

Ceramista

A Coruña
www.veronicamoar.com

Filosofía de traballo

Tomando como punto de partida unha técnica depurada, o traballo manual, o respecto polo oficio e unha coidada selección do material, o meu traballo caracterízase polo seu matiz poético e narrativo. Por outra banda, é unha procura constante do esencial, tratando de evitar todo aquilo que sexa innecesario ou superfluo.

Tras a aparente sinxeleza das liñas, sempre hai unha historia detrás. Apaixónanme as posibilidades infinitas do material así como a súa relación coa linguaxe e o pensamento. Por iso, as miñas propostas céntranse na memoria, no recordo das experiencias vividas, nos ecos do pasado interpretados desde o presente e materialízanse a través de algo tan orgánico como a arxila.

Referentes

O meu traballo no eido da cerámica bebe de distintas fontes. Os meus referentes proveñen de disciplinas tan diversas como a literatura, a música, a danza, a arquitectura, a pintura, a fotografía e a propia cerámica: Lucie Rie, María Bofill, Ray Bradbury, William Carlos Williams, Caspar D. Friedrich, Junya Ishigami, Francesca Woodman, Pina Bausch, entre outras/os.

Proxectos destacados

  • Nos últimos anos destacan os meus deseños de pezas funcionais para destacados restaurantes como: Abastos 2.0 (Santiago), Loxe Mareiro (Carril), A Maceta (Santiago), Nova Restaurante (Ourense), Culler de Pau (O Grove), Culuca (A Coruña) e Kalypso Restaurant (París).

  • Eco. Reverberación. Memoria. (2018 – en proceso)
    Trátase dun proxecto no que trato de axuntar a cerámica coa poesía e a danza contemporáneas.

Experiencia destacada

O máis destacado no meu percorrido desde os comezos é a motivación e a persistente inquietude persoal por situar a cerámica no lugar que lle corresponde, dándolle o valor que ten non só no aspecto funcional senón tamén no artístico. Máis recentemente, estou moi centrada en acadar un sincretismo entre expresións culturais que, a priori, carecen dunha conexión ata chegar a unha síntese e unha proposta nova, resultante da influencia mutua.