DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Residencias in situ

As residencias In situ de artes vivas na Fundación DIDAC teñen como obxectivo principal xerar un espazo de intercambio cultural, de pensamento e de creación artística. Enmarcadas dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, nesta ocasión, adxudicáronse tres residencias a través dunha convocatoria aberta na que resultaron seleccionados os proxectos de Teresa Búa, Roi Fernández Alonso e Verónica Ruth Frías.

Os artistas convidados están a desenvolver proxectos nos que mostrarán a súa diversidade e realizarán reflexións sobre o camiño de Santiago e o acto de camiñar, prestando especial atención a aspectos relacionados co patrimonio artístico e natural e á difusión de experiencias que fomenten o diálogo creativo e intercultural.

Teresa Búa (Muxía, 1991) considera vida e obra como partes dun todo súa metodoloxía artística, na que combina a investigación da súa propia identidade coa da súa contorna en clave persoal, antropolóxica e patrimonial. O seu proxecto O encaixe que camiña preséntase coma un cóctel de accións románticas e políticas para dar valía, fomentar o coñecemento, e repensar a nosa tradición, co pobo de Muxía e o Santuario da Virxe da Barca coma protagonistas. O proxecto presentado en Muxía chegará a Santiago de Compostela o sábado 11 de setembro e poderá verse ás 12.30 na sede da Fundación DIDAC.

Pola súa banda, o traballo de Roi Fernández Alonso (A Coruña, 1979) céntrase na relación das formas transmedia de narración audiovisual, escénica, gráfica e de acción. Para residencias In Situ desenvolve o proxecto PEGADA. Cine-diarios de derrota, que consta de distintas fases de investigación sobre a deriva e os roteiros de desexo, e que terminarán traducíndose nunha instalación multimedia, nun espazo transitable no que interactuarán os formatos fílmicos, plásticos e de acción na sede da Fundación DIDAC e que se presentará o venres 17 de setembro ás 19.00 horas.

Empregando o disfraz, a maquillaxe e a camuflaxe para adquirir outras identidades, Verónica Ruth Frías (Córdoba, 1978) leva a cabo un corpo de traballo performático que incide na crítica ácida e frontal sobre cuestións de xénero. Se hace camino al andar é o traballo que está a producir durante a súa residencia, consistente nunha serie de accións en diferentes puntos do camiño que culminarán nunha performance grupal na Praza da Quintana o venres 10 de setembro ás 19.00 horas, como metáfora desa fin de viaxe onde aparecen vencelladas a Historia da Arte e a experiencia vital do camiño.

Estas artistas empregan ferramentas de creación híbridas nas que destaca o interese por explorar o ámbito das artes vivas e a performatividade nas artes visuais. Englobados dentro do proxecto das residencias In situ de artes vivas, cada unha das propostas permite impulsar un diálogo vivo coa contorna, facendo ao público partícipe do acto creativo e xerando diferentes reflexións sobre a materialidade do espazo, a súa impronta social e a pegada emocional da paisaxe.

A iniciativa das residencias In situ de artes vivas enmárcase dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.