DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Visións inéditas

Visións inéditas


DIDAC. Santiago de Compostela


Jaione Camborda, Xisela Franco, Lois Patiño y Alfonso Zarauza

1 Xullo, 2021 a 5 setembro, 2021

Visións inéditas é un proxecto da Fundación DIDAC comisariado por Performa S.Coop. Galega que conta co apoio da Xunta de Galicia no marco das axudas O teu Xacobeo.

Trátase dun proxecto multimedia, realizado a partir de catro pezas, conformadas a modo de capítulos, que compoñen un documental a través do cal asomarse a algunhas das persoas, lugares e experiencias que axudan a definir e revalorizar o patrimonio natural e cultural galego. As pezas, ideadas especificamente para o proxecto, contan coa dirección artística de Jaione Camborda, Xisela Franco, Lois Patiño e Alfonso Zarauza, quen representan unha boa mostra da vixencia e calidade do audiovisual galego contemporáneo. Cunha mirada propia e a partir de ferramentas audiovisuais innovadoras, estes directores aproximáronse a personalidades crave para nosa cultura a través dun retrato audiovisual expandido que establece un diálogo interdisciplinar e se enriquece nas sinerxías. Campos como a danza, a pintura, o pensamento, o cinema ou a interpretación son abordados desde o xenuíno, compondo un acervo capaz de revelar o capital simbólico e inmaterial de Galicia. 

Así, Xisela Franco en Oco morno gravou á cineasta Margarita Ledo Andión mentres a acompañaba na súa primeira visita á abandonada fábrica de Álvarez en Vigo; Lois Patiño en ML-AP, filmou por primeira vez aos seus pais, Menchu Lamas e Antón Patiño, e fíxoo en Súper-8 co pano de fondo da súa casa de Alcabre en Vigo; Jaione Camborda en Fragmentos de Janet, buscou realizar un retrato da coreógrafa e bailarina Janet Novás, durante os ensaios para a estrea da súa peza Where is Janet? en Plataforma. Festival de artes performativas de Santiago de Compostela, e Alfonso Zarauza en Intérpretes realiza unha aproximación ao retrato actoral dende un coñecemento case reverencial ao oficio a través do traballo das actrices das súas películas: Melania Cruz, Ledicia Sola e Marta Lado. Campos como a danza, a pintura, o pensamento, o cinema ou a interpretación son abordados desde o xenuíno, compoñendo un acervo capaz de revelar o capital simbólico e inmaterial de Galicia.

Visións inéditas ofrece outros lugares posibles, outras imaxes capaces de construír novos relatos e de impulsar un legado patrimonial en ocasións esquecido, formulando múltiples percorridos que terminan por acoller un territorio permeable ás tradicións desde a innovación e o potencial creativo. Cada capítulo permite indagar nas raíces culturais das distintas comunidades que atravesan o camiño configurando un intercambio de coñecementos e experiencias. Un cruzamento de miradas que apunta cara a varias direccións, convidando o recoñecemento da nosa contorna e referentes creativos para poñer de relevo a nosa paisaxe cultural máis contemporánea.