DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Rosendo Cid 5.000 veces pintura

Rosendo Cid 5.000 veces pintura
 
Presentación

mércores, 31 maio, 2017 - 19:30

5000 veces pintura é un libro editado pola Galería Circular de Allariz, composto por cinco mil frases e maneiras de explicar a pintura de un modo aforístico aínda que contraditorio, pois se o aforismo é unha oración que pretende expresar un principio de forma concisa, coherente e en aparencia pechada, aquí tratase xustamente do contrario: constatar que a pintura, como unha das categorías principais da arte, non é concisa nin por suposto pechada.
Este é un libro que contén centos de aforismos, iluminacións, versos, opinións, certezas… incluso contradicións. Un “artefacto” escrito desde unha busca experimental, sendo o xogo e a disciplina a súa base construtiva; de aí que se vincule coas experiencias de escritura do grupo francés OuLiPo, como ben sinala Ángel Cerviño no prólogo; prólogo que ademais comeza cunha cita de Enrique Vila-Matas respecto do libro Café Perec, para máis datos e para especificar esta natureza experimental e lúdica que non rexeita non obstante a profunda reflexión sobre o incerto e extenso concepto de pintura. Un libro que debe abordarse de xeito lento mesmo impreciso se é que queremos asimilar todo o que aquí se nos conta.