DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Vítor Vaqueiro

Vitor Vaqueiro
 
curso-formacion

Galicia. Un século de creación. 1916-2016

Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela

martes, 14 novembro, 2017 - 19:30

A consumación do soño baudelairiano na fotografía galega (1860—1936)

Desde a súa orixe, nas primeiras décadas do século XIX, a fotografía moveuse entre dous puntos de vista, concretados polas súas diferentes actitudes no referido á adherencia ao real. Unha liña maioritaria que, grosso modo, se podería nomear como documental, mostraba unha maior proximidade coas posturas de ton realista. Outra tendencia, minoritaria, que tería a súa maior concreción coa chegada do pictorialismo, propuña un afastamento da realidade, fornecendo hipóteses de conexión co mundo do imaxinario. Polo seu papel periférico dentro da cultura europea, na Galiza este segundo eixo resulta, na práctica, inexistente, quedando reducida a actividade fotográfica ao que se ten chamado a fotografía “como espello do real”.

Vitor Vaqueiro Foxo (Vigo, 1948) é licenciado en Química e doutor en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente en situación de xubilado, foi profesor de matemáticas de Ensino Medio e de fotografía na Universidade de Santiago de Compostela. Conferenciante, crítico e historiador da fotografía, con artigos en publicacións galegas e de fora do país, ten publicado uns vinte libros de etnografía, fotografía, narrativa, poesía e divulgación. Posúe os premios de poesía Esquío e da Crítica española, e o Irmandade do Livro.