DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

incohérent walk. Irene Grau

Irene Grau


DIDAC. Santiago de Compostela


Irene Grau

25 outubro, 2019 a 27 decembro, 2019

Paseo polos espazos verdes
de Santiago de Compostela
vestida de verde
levando un cadro verde

O último proxecto de Irene Grau, incohérent walk, parte do contexto dun dos primeiros monocromos da historia desenvolvido por Les Incohérents, un colectivo parisino de finais do século XIX formado por un heteroxéneo grupo de (non)artistas e organizado polo novísimo escritor, Jules Lévy. Entre as propostas radicais dos Incoherentes expostas a principios de 1880 atópanse unha serie de imaxes monocromas do poeta Paul Bilhaud e do xornalista e humorista francés Alphonse Allais. A idea de monocromo xurdiu como unha broma conceptual precisamente como burla, en forma de crítica gráfica, ás pinturas de artistas como Turner, Monet ou Whistler, cuxos paisaxes finalmente perderon os contrastes de claroscuro que definían as formas. No seu coñecido álbum Primo-Avrilesque, publicado o 1 de abril de 1897, Allais reuniu unha serie de láminas de cor con títulos que ían dende Primeira comuñón de nenas anémicas na neve a Cardeais apoplécticos recollendo tomates na beira do Mar Vermello (Efecto Aurora Boreal). Esta serie de xestos satíricos supón un dos primeiros exemplos de pintura monocroma dende unha relación ambivalente tanto coa linguaxe como co xénero da paisaxe. É tamén dende o coñecemento do pasado e da historia da arte que este proxecto de Irene Grau cobra sentido e avanza na redefinición contemporánea do xénero da paisaxe, así como da idea de desprazamento, eixe conceptual da súa práctica artística.

Todo o traballo de Irene Grau fálanos de pintura e paisaxe, de proceso e desprazamento. Faino a través dunha rigorosa investigación sobre as posibilidades da pintura monocroma e de como esta se relaciona coa paisaxe, como xénero e como marco, pero sobre todo como experimentación, como modo de ver. Poderíamos dicir que Irene Grau é unha plenairista conceptual que asume que a obra é só “o que resta”, dunha experiencia máis ampla que vai máis alá dunha paisaxe percorrida ou unha arquitectura estudada, pois transmitir o vivencial conleva asumir unha falla, aínda así, a súa obra deixa as suficientes pistas para que os espectadores sexan capaces de reconstruír o camiño e orientarse na súa propia percepción.

Doutora en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia. En 2010 recibiu unha beca de Excelencia Académica e de 2011 a 2015 a beca FPU concedida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España para desenvolver os seus estudos de doutoramento. Recoñecida nacional e internacionalmente polos premios como Generaciones 2018, as Becas de Creación Artística no Extranxeiro Gas Natural Fenosa 2017 MAC, o Premio Mardel Artes Visuales 2017, ou o premio PhotoEspaña Off Festival en 2015. En 2016 foi incluída na lista Forbes “30 Artists under 30-Europe”. O seu traballo mostrouse en exposicións individuais en institucións e galerías europeas e americanas como o Abroms-Engel Institute for the Visual Arts (AEIVA) en Birmingham, US; Madison Museum of Contemporary Art (MMoCA) en Madison, US; Projeto Fidalga en São Paulo, Brasil; a galería Heike Strelow en Frankfurt, Alemaña, e no Centro de Arte Alcobendas, Madrid; así como en exposicións colectivas en La Casa Encendida de Madrid, CaixaForum de Barcelona, CA2M Centro de Arte dos de Mayo de Móstoles, CDAN Centro de Arte y Naturaleza e Bombón Projects en Barcelona. Proximamente presentará proxectos en APPLETON en Lisboa, o CCEMX de Cidade de México e na Fundación Cerezales Antonino y Cinia – FCAYC. O seu traballo atópase en coleccións como o Madison Museum of Contemporary Art (MMoCA), Madison WI, US; CA2M, Madrid; Fundación María Cristina Masaveu Peterson, Madrid; Fundación DKV, Valencia; Fundación OTAZU, Navarra; entre outras, e en numerosas coleccións privadas de Europa, Asia e Estados Unidos.

Fotos exposición DIDAC: Roi Alonso



Inauguración 25 de outubro ás 20 h