DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Silence will save us. João Louro

João Louro
João Louro
João Louro
João Louro
João Louro
João Louro
João Louro
João Louro
João Louro


DIDAC. Santiago de Compostela


Artistas: 
João Louro

5 maio, 2018 a 15 Xullo, 2018

O artista portugués João Louro inaugura a exposición Silence Will Save Us, un conxunto de traballos inéditos que o artista realizou ex profeso para esta mostra na Fundación DIDAC. João Louro naceu en 1963 en Lisboa, onde vive e traballa. Estudou Arquitectura na Facultade de Arquitectura de Lisboa e Pintura na Escola Ar.Co., e o seu traballo engloba pintura, escultura, fotografía e vídeo.

O traballo de João Louro descende da arte minimal e conceptual, cunha atención especial polas vangardas de principios do século XX. O seu traballo traza unha topografía do tempo, con referencias personais pero, sobre todo, xeneracionais. Emprega como fonte recorrente a linguaxe, a palabra escrita, e busca facer unha revisión da historia da imaxe na cultura contemporánea, a partir dun conxunto de representacións e símbolos do universo visual colectivo.

No ano 2005, participou na exposición A Experiência da Arte, na 51ª Bienal de Venecia, comisariada por María de Corral. En 2005, integrou o proxecto Insite 05 – Art Practices in Public Domain, en San Diego (EUA) / Tijuana (México). Do seu amplo currículo de exposicións individuais en Portugal e no estranxeiro destacan Runaway Car Crashed #2, no Museu de Serralves (1999); La Pensée et L’Erreur, na Fundació Joan Miró (2000); Blind Runner, no Centro Cultural de Belém (2004/2005); My Dark Places no MACRO – Museo de Arte Contemporánea de Roma (2010) e Smuggling, no Museo de Arte Contemporánea de Elvas (2015). No ano 2015, foi representante de Portugal na Bienal de Venecia coa exposición I Will Be Your Mirror | Poems and Problems.

Nas obras de Silence Will Save Us, a música vólvese protagonista dalgúns dos seus Blind Walls convertidos nesta ocasión en Blind Music. Sentir unha sinfonía de Haydn ou unha peza de piano de Schönberg resoar nas nosas cabezas a través dunha mínima lectura do seu título sobre un fondo negro, preséntase como unha posibilidade para aqueles coñecedores da historia da música. Na obra de João Louro, o feito cultural dimensionase como construción que organiza a convivencia e a historia das civilizacións e como super estrutura que do mesmo xeito que anunciaba o estructuralismo francés, sobrevoa e compartimenta o noso coñecemento.

Xunto ás Blind Music, Louro tráenos os Score, apropiacións da imaxe de portada de vellas partituras da casa da música alemana Edition Peters, fundada a principios do século XIX polo compositor Franz Anton Hoffmeister e o organista Ambrosius Kühnel en Leipzig e que contaría no seu catálogo con obras de Schönberg, Ligeti ou Debussy entre outros autores. Para completar, a imaxe da partitura do famoso Yesterday de The Beatles o da Aquarela do Brasil de Ary Barroso dan vida a unha exposición na que o poder da imaxe, a recorrencia á linguaxe musical e a súa presenza clara a través da enunciación da palabra ou da imaxe da partitura musical, lévannos a introducirnos de cheo no universo de João Louro.

O seu traballo forma parte de innumerables coleccións públicas e privadas, entre elas a Fundación ARCO (Madrid), Margulies Collection (Miami), Jumex Fundación (México), MACRO Museo d’Arte Contemporanea (Roma), Museu de Arte do Rio (Rio de Janeiro), Museum of Contemporary Art San Diego (San Diego), Banco de España (Madrid), Fundación Serralves (Porto), Colección BES (Lisboa); Colección António Cachola (Elvas), Fundación Calouste Gulbenkian (Lisboa), Fundación EDP (Lisboa), Fundación RAC (Pontevedra).