DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

David Barro

 
curso-formacion

Galicia. Un século de creación. 1916-2016

Facultade de Xeografía e Historia USC. Aula 10.

mércores, 13 decembro, 2017 - 20:00

Luís Seoane. Unha cabeza nunca é unha.

En “Luís Seoane. Unha cabeza nunca é unha”, David Barro revisa a figura dun autor complexo e diverso, analizando o seu carácter polifacético e contextualizándoo con outras figuras internacionais do seu tempo. Creador de vocación universal e intelectual comprometido, Seoane foi editor, pintor, debuxante, ilustrador, gravador, muralista, deseñador gráfico, cartelista, deseñador industrial, escenógrafo teatral, poeta, narrador, guionista, ensaísta, comunicador en prensa escrita e radiofónica, crítico teórico das artes, emprendedor e outras moitas cousas, o que leva a David Barro a situalo como o primeiro artista contemporáneo da historia de Galicia.

David Barro (Ferrol, 1974) é codirector de DARDO e comisario de exposicións. Dende 2017 é director xerente da Fundación DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas) e dende 2015 profesor do Máster en Estudos avanzados da Universidade de Salamanca. Anteriormente desempeñou, entre outras, as seguintes funcións: Fundador e director da revista DARDOmagazine (2006-2014). Director xerente da Fundación Luis Seoane (2014-2016). Asesor da Fundación Barrié e responsable da súa colección de pintura contemporánea (2008-2013). Barro exerceu a crítica de arte en El Cultural (2003-2005), a revista Lápiz (2000-2004) e como director da revista portuguesa [W]art (2003-2005) ou da española Arte y Parte (1998-1999). Tamén foi o director artístico de A Chocolataría en Santiago de Compostela (2005) e director artístico da feira de arte contemporáneo en Vigo Espacio Atlántico (2010). Director e presentador do programa de televisión Botella al Mar de V Televisión (2005). Como docente foi profesor da UCP de Oporto (2001-2006) e do Máster en Gestión Cultural da Universidade Carlos III de Madrid (2015-2017), entre outros. Como comisario de exposicións realizou máis de 50 mostras individuais de autores como Jessica Stockholder, Axel Hütte, Alex Katz, Günther Förg, Julião Sarmento, Julian Opie, Sandra Cinto, Caio Reisewitz, José Pedro Croft, Berta Cáccamo... e máis de 50 mostras colectivas. En 2010 exerceu de director artístico do proxecto de arte, arquitectura e deseño Look Up! Natural Porto Art Show que ocupou 9 edificios emblemáticos da cidade de Oporto e en 2011 do Festival Internacional de Acción Artística Sostenible SOS 4.8 de Murcia. Membro fundador das dúas primeiras xuntas directivas do IAC (Instituto de Arte Contemporáneo), actualmente é membro da xunta directiva de ADACE (Asociación de Directores de Arte Contemporáneo en España).