DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Carmela Montero

Carmela Montero
 
curso-formacion
DIDAC. Santiago de Compostela

mércores, 17 outubro, 2018 - 19:00

Vellos ideais, sempre novos. O Laboratorio de Formas de Galicia e o Museo de Arte Carlos Maside

Concibido por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo en 1963, o Laboratorio de Formas tiña por finalidade o estudio das formas desenvolvidas no pasado galego e as que continúan vixentes no presente, propoñéndose atopar nelas os signos do seu propio sistema de expresión. Como patrocinador de iniciativas, o Laboratorio iniciou o seu camiño co renacemento da fábrica de cerámica de Sargadelos e a creación en 1970 do Museo de Arte Carlos Maside, destinado a converterse nun centro de información e arquivo relativo ás ideas estéticas de Galicia e á difusión dentro dela dos movementos universais da arte. O museo foi pioneiro en moitas das súas formulacións do que hoxe entendemos como un centro de arte contemporánea. Tratábase de “soñar grandezas para Galicia e de converter en realidades os soños”.

Carmela Montero (A Coruña, 1977) é documentalista e conservadora da Fundación Luis Seoane. Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o Máster en Xestión e Administración da Documentación e a Información da Universidade de A Coruña. Como Conservadora da Fundación Luis Seoane, xestiona a colección do seu fondo artístico e tamén comisariou exposicións dedicadas a súa figura, na propia Fundación e en outras institucións. Tamén supervisou e participou como conservadora en proxectos de artistas como Günther Förg, Ángela de la Cruz, Valérie Jouve ou Eugenio Granell. Entre os seus traballos recentes destaca o comisariado de Carlos Maside – Luis Seoane. Aquel abrazo, exposición retrospectiva sobre a obra de Maside e a súa influencia en Seoane.

Galicia. Un século de creación. 1916-2016