Agoraphobia

Grupo de música

Susana Saavedra (Voz), Sabela Sampedro (Guitarra e coros), Paula Rego (Batería e coros) e Lucía Fernández (Baixo e coros).
Boiro
www.agoraphobiaband.bandcamp.com

Filosofía de traballo

Todas somos compositoras e arranxistas. As ideas xorden en calquera lugar e póñense en común nun ensaio, a través dun audio do móbil, nunha parada inesperada na casa doutra… Digamos que facemos da creación algo natural, fai tempo que aprendemos que iso de quedar para compoñer non sempre funciona, por iso non poñemos límites. Ás veces, cando desenvolvemos un tema, a propia música é a que decide o tema do que vai tratar a canción. Outras veces é a letra a que decide que tipo de melodía precisa. Gústanos facer o traballo de maneira orgánica, sen ter que convertelo nun deber, aínda que nalgunha ocasión nos víramos na obriga de ter que facer as cousas a cen por hora. Na filosofía de traballo ten moito que ver o noso equipo, todos contan. Para saír a tocar e crecer como artistas precisamos dunha representante, para que os temas funcionen como unha única obra perfecta precisamos do noso produtor, para que os directos soen precisamos do noso técnico de son e para que se fale de nós precisamos da axuda da nosa axencia de comunicación e promoción. Todos somos un único proxecto, nunha única dirección.

Referentes

A todas nos inflúe moito o stoner ou o noise, quizais algo salientable pode ser a carreira dos Queens of the Stone Age. Somos moi fans da banda, encántannos os seus temas, parécennos moi inspiradores. Algunhas outras bandas de referencia son Sonic Youth, Placebo e Royal Blood pero escoitamos de todo: world music, trap, hardcore, pop… O cine tamén nos inflúe moito, adoitamos ver documentais sobre a composición dos músicos que nos gustan e como son as súas xiras, pero tamén somos moi seguidoras das películas que poñen en Filmin ou Netflix.

Discografía destacada

  • 2015. Ready To Play
  • 2014. Dirty Little Things

Proxecto destacado

  • Incoming Noise, o disco que cambiou as nosas vidas. A súa composición e gravación foi reveladora, a partir dese intre decidimos dedicarmos única e exclusivamente á música, aínda que iso nos fixera renunciar a outras cousas. Foi a primeira vez que nos decidimos a contar o que sucedía nas nosas vidas, dende as entrañas. As cancións do disco son un vivo reflexo do que pasa polas nosas cabezas e falar do que se experimenta, a través da música, é algo máxico.