Aldaolado
Poetas
Lucia Aldao, María LadoFilosofía de traballo
Poetas desde a súa adolescencia, Lucía Aldao e María Lado non soportan a idea dun poeta aburrindo ó público cos seus textos. Por iso inventaron hai xa dez anos un formato de lectura («o aldaolado») no que cantan as súas cancións favoritas, contan historias máis ou menos simpáticas que teñen que ver cos poemas, a literatura, ou a súa azarosa vida de escritoras, e propoñen ao público que se convertan en autores dadaístas a través de divertidos xogos. O que faga falta para que o respectable asista a unha velada chea de poesía, emoción e divertimento.Desta experiencia naceron títulos como Onde estea un cubata que se quite un soneto, Moita poesía, pouca diversión, Poeta de mierda, Con dez poemas por barba, After, Sempre en Ibiza, ou Pendanca e Oso, espectáculos cos que viaxan por Galicia nunha xira crónica, e por algún lugar máis de cando en vez.
Referentes
Poderiamos dar cada unha unha chea de nomes, pero como dúo só coincidiriamos no de Ronseltz, o grupo poético dos 80.Actuacións destacadas
- A primeira como aldoalado, hai dez anos. Tratábase do proxecto Translítera, dirixido por Rafa Xaneiro, para o que montamos Onde estea un cubata que se quite un soneto, que naquel momento consistiu en facer unha festa nun museo. Vivimos con moita emoción o poder ver á xente bailando música electrónica mesturada cos nosos versos recitados, e animounos a seguir traballando coa poesía ó vivo sempre desde un punto de vista lúdico.
- Outro momento salientable foi un recital na Fundación Luís Seoane, dentro do ciclo O Alfabeto Híbrido. Yolanda Castaño xuntounos con Santiago Auserón e foi unha velada realmente fermosa para toda a xente que estivemos alí aquela noite.
- Calquera recital en escenarios ou con públicos pouco dados á poesía, que por sorte tivemos uns cantos, merece un lugar nesta listaxe.