Filosofía de traballo
Interésome pola relación directa cos artistas que establezo por medio do acompañamento no seu proceso de traballo. Entendo, a nivel escrito e oral, que a conversa é a base da miña labor como curador e intento deixar constancia diso en moitos dos meus proxectos. A análise da tradición, o xeito no que interpretamos e traballamos co legado que recibimos, tanto dende a arte coma dende as accións espontáneas e a súa persistencia no tempo, son na actualidade as premisas das que parto. Busco unha correspondencia non forzada entre a obra de arte na súa acepción máis clásica e a inserción doutros medios que a reivindiquen e a complementen.
Referentes
Supoño que feitos como as primeiras bienais de Lalín, desenvolvidas a partir de 1993, así como a experiencia de visitar espazos como a Solaina de Piloño cando era un neno ou a exposición Itínere á que me levaron os meus pais e que re-inaugurou o CGAC en 1994, poderían ser catalogados como feitos iniciáticos. Despois, ter un irmán artista, matricularme en Historia da Arte ou traballar con David Barro e David Garabal en montaxes, levoume a certificar o meu interese por esta disciplina.
Exposicións destacadas
- 2011 – Un disparo de advertencia.
- 2013 – Diálogos Improbables.
- 2014 – Aprender a caer.
- 2015 – Incluso un paisaje tranquilo.
- 2016 – Unha técnica salvaxe.
- 2017 – Amigos da chuvia. Texto que introduciu o catálogo da 13 Bienal de Lalín.
Coido que entre todos van marcando esa liña de intereses que pouco a pouco entendo máis nítida.
Proxecto destacado
Malia ter realizado moitas outras exposicións a posteriori, considero que Un disparo de advertencia e Diálogos Improbables, ambos realizados en Lalín entre 2011 e 2013, foron para min feitos iniciáticos aos que lle debo moito.