Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme FernándezSantiago de Compostelawww.devacas.gal
Filosofía de traballo
Somos catro vacas que rimos e cantamos: a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia ou o que é o mesmo Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández. Presentamos un espectáculo fresco como a auga dos regos. Mestura de voces e guitarra, harmonías que estimulan os sentidos. Desfrutamos enriba do escenario para que vós desfrutedes. Cantamos en tódolos idiomas do mundo e inventamos outros. Reivindicamos o “guachinein”, esa lingua minorizada. Ansia de xuventude e fusión internacional.
Referentes
Amamos aos nosos poetas por riba de todo, como a Enrique Igrexas. Rescatamos retrousos esquecidos, tarareos que foron populares nas voces de Cristina da Aguieira ou Mónica da Laranxeira. Todas temos unha Spice Girl e un Backstreet Boy dentro. A nosa adolescencia é unha fonte inesgotable de inspiración: Sabrina, Britney Spears… No presente gozamos dunha gran amizade con Luis Fonsi. Non podemos pedir máis.
Discografía destacada
O noso público reclama un disco de De Vacas, e o público sempre ten a razón. Continuará.
Proxecto destacado
Xa vivimos grnades momentos vitais neste grupo. Fixemos migas coas Supremas de Móstoles, estivemos cheas de vida ao carón de Guadi Galego, pero realmente estamos agardando con ansia o momento en que Quique Igrexas nos chame para pedirnos permiso para versionarnos el a nós. Ese día tocaremos teito.