O meu traballo parte da curiosidade. De observar e tocar cousas, e de facerme preguntas. Normalmente sigo un proceso inverso de deseño que parte dun interese, un concepto abstracto, e que desemboca nun obxecto ou aplicación práctica. Nese proceso teño inclinación polos sistemas, os procesos de síntese, a materialidade das cousas, a interacción e os usos cotiáns. O rigor e a funcionalidade tamén son moi importantes.
Referentes
Creo que empecei a interesarme polo deseño gracias a Hella Jongerius e os deseñadores holandeses de Droog nos anos noventa, pola liberdade e desprexuizo coa que abordaban o deseño, cuestionando conceptos e estéticas.
Proxectos destacados
As lámpadas Satelite, Flexo e Campana veñen dun proxecto de investigación sobre as aplicacións da cerámica tradicional no ambiente doméstico. Nese proxecto deseñei diferentes sistemas de articulación con cerámica especulando coas posibilidades do material para funcionar nun sistema mecánico de precisión.
Experiencia destacada
Eu destacaría este momento que estou a vivir. Fai non tanto decidín considerar a miña carreira, cambiar de país… Non todo mudou, pero foi un xeito de “resetearme”. Sinto que agora teño unha capacidade de facer cousas que antes non tiña.