Filosofía de traballo
A programación creativa busca aproveitar as vantaxes e ferramentas que as novas tecnoloxías nos ofrecen cun fin creativo, non funcional. Trátase dun proceso de descubrimento continuo usando o código como elemento principal. Unha experimentación con resultados inmediatos, no que aproveitar os erros ou sucesos fortuítos que xorden no camiño é un dos piares principais.A rede convértese nunha fonte de información e coñecemento case infinita, polo que formar parte de comunidades (tamén físicas, coma makespaces ou fablabs) que evolucionan e comparten é outro aspecto fundamental, revelándose no uso de software e hardware libre.
Referentes
Un dos meus principais referentes (entre os moitos) é o xaponés Daito Manabe; artista dixital, programador, deseñador, DJ, Vj, compositor… en resumidas contas, un creativo multidisciplinar do máis completo e ecléctico que podemos ver na escena das artes dixitais agora mesmo, con máis de 10 anos de traxectoria, sempre fusionando tecnoloxía e arte en distintos campos; música, danza, spots para publicidade, luz, instalacións interactivas, sonoras, audiovisuais…Foi un dos primeiros artistas dixitais que coñecín cando comecei a interesarme por este mundo, e precisamente chamoume a atención pola súa aplicación da tecnoloxía nas artes escénicas, campo no que anos despois decidín formarme.
Proxectos destacados
- 2009-2012 – Projecto Trepia. Proposta escénica galega que abranguía a fusión da música tradicional coa electrónica, a danza tradicional e os soportes multimedia (vídeo-creación e vídeo interactivo).
- 2015 – Kallpa para Wayra. Último proxecto feito por do/the/right/click (Madrid). Cun dispositivo feito ad-hoc para o proxecto conectábamos o mundo real co virtual, relacionando parámetros do vento en tempo real cuns gráficos dinámicos nunha landing page feita especialmente para a campaña, que durou un ano. Obtivemos un Laus de Bronce e unha mención nos Webby Awards na categoría de Technical Achivement.
- Proxecto Pronomos en NY con Julián Elvira. Supuxo todo un reto para min, por ter que crear todo un imaxinario audiovisual para un espectáculo de música clásica contemporánea. Mundo ó que era totalmente allea cun público tampouco afeito a ver este tipo de combinacións entre disciplinas. No contido non utilizo vídeo, só gráficos xerativos programados.
- 2017 – Global Refuge. Projection Mapping. Proxecto desenvolto xunto a cenlitrosmetrocadrado para o espazo Finsa en Casadecor 2017, Madrid.
- 2017 – √ÅL∆ELØMÅ®. Performance audiovisual desenvolta con Negrønegrø. Ciclo adicado a Live Cinema en homenaxe ó cineasta Val del Omar. Semana Internacional de Cine (Seminci), Valaldolid.
- 2017 – Light Traces. Peza de mapping desenvolta para Mappea Jaen. Festival adicado á técnica do mapping desenvolto nos baños árabes desta cidade.