Sra. Farnsworth

Arquitectos

Vigo
Carolina Domínguez Gómez, Laura Crespo Álvarez, Rosa del Río Pastoriza
www.srafarnsworth.com
  • REHABILITACIÓN E AMPLIACIÓN DE EDIFICIO DE VIVIENDAS NO CASCO VELLO DE VIGO, RÚA FERRERÍA.
  • REFORMA DE LOCAL COMERCIAL, ROSALINDA, BUEU.
  • ACONDICIONAMENTO DE LOCAL COMERICAL,LUCI VON EN VIGO.
  • VIVENDA UNIFAMILIAR ILLAD, CELA. BUEU. VISTA DO SALÓN
  • REFORMA OFICINA. ZONA DE ESPERA

Filosofía de traballo

Como profesionais da arquitectura cremos que cada proxecto debe ser singular, reflexo das inquietudes e preferencias dos seus propietarios e produto dos condicionantes do seu emprazamento.

Entendemos que para garantir un servizo serio e de calidade, é imprescindible a dedicación e o compromiso cos clientes, por iso tratamos de ofrecer unha atención personalizada, acompañándoos o longo de todas as fases do proxecto, dende as ideas iniciais ata a súa concreción e execución final.

Referentes

É difícil falar dun referente concreto, xa que á hora de proxectar son moitas as fontes e as influencias.

Se tivésemos que mencionar a algún autor ou unha obra concreta poderiamos dicir que xeralmente —e case sen darnos conta— adoitamos volver a vista sobre a materialidade, a sinceridade construtiva e a atemporalidade de Kahn, o organicismo e a paixón polo detalle de Alvar Aalto e a forma de axuntar tradición e modernidade de Siza.

Con todo, sería inxusto non recoñecer que as cualidades que representan a arquitectura destes tres autores son, en realidade, características propias da arquitectura tradicional, polo que poderiamos dicir que á hora de desenvolver unha metodoloxía de traballo, a racionalidade construtiva, a economía de medios, a honestidade e a adaptación ao medio da arquitectura tradicional constitúen o noso máximo referente.

Proxectos destacados

Aínda que desenrolamos todo tipo de traballos, aqueles nos que estamos especializadas -e que máis nos satisfán- son os que supoñen unha intervención de mellora na arquitectura xa construída —proxectos de rehabilitacións e reformas— e aqueles que implican criterios de aforro e eficiencia enerxética.

Como rehabilitación destacaríamos o proxecto de recuperación dun edificio entre medianeiras no corazón do casco vello de Vigo, recentemente galardoado cun Gran de Area polas delegación de Vigo e Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Como reforma distinguiríamos o proxecto de remodelación interior dun edificio de oficinas adicado o sector da alimentación e sito na cidade de Pontevedra.

E como proxecto desenrolado segundo criterios sostibles destacaríamos a vivenda unifamiliar illada sita na parroquia de Cela, pertencente ó concello de Bueu.

Experiencia destacada

Como experiencia a destacar non podemos falar dunha circunstancia concreta a nivel individual ou persoal, xa que por unha banda sería inxusto destacar un proxecto ou un traballo por encima do resto e por outra, sería faltar á verdade o non recoñecer que a verdadeira experiencia e a verdadeira aventura está no traballo do día a día. En formar parte dunha xeración de arquitectos que a pesar de todo, a pesar da crise, da falta de traballo, da aparente falta de conexión entre o arquitecto e a sociedade, pretende desenvolver o seu traballo dunha forma honesta, ofrecendo un servizo de calidade e que conecta coas necesidades da xente.