DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

¡Bon Hiver! Pinturas estacionais.


DIDAC. Santiago de Compostela


Javier Arce

26 xaneiro, 2024 a 5 abril, 2024

Bon Hiver!
Pinturas estacionais

Javier Arce construíuse na pintura a súa cabana ideal, de pequeno formato e integrada na súa contorna. Son pinturas que proxectan a soidade do refuxio, que versan sobre o próximo e lémbrannos o acertado das palabras de Gaston Bachelard: “a cabana é a soidade centrada”. Os bastidores destas pinturas foron realizados polo propio artista con madeiras naturais da contorna no que vive e esa rudimentariedade extrapolada ao marco das pinturas aséntase nun compromiso existencial que o leva pintar o próximo á cabana onde vive o artista. Todo iso é extensible aos motivos das súas pinturas, que non enmascaran nada e versan sobre o próximo; a súa precisión é existencial e, como sinala John Berger á propósito de Seker Ahmet, concorda coa experiencia do bosque. As de Javier Arce son pinturas estacionais porque asumen a experiencia do tempo, porque a mirada asume o protagonismo onde o dicir é imposible, como na experiencia poética.

Dando continuidade ás súas recentes exposicións na Sala Robayera en Cantabria e na Galería The Goma en Madrid, Javier Arce presenta na Fundación DIDAC unha serie de obras pintadas ao óleo sobre liño tensado sobre estruturas de madeira natural de freixo, abeleira, carballo ou eucalipto, convertendo o marco en algo irregular e orgánico que se contrapón á austeridade minimalista habitual na pintura. Todo iso torna cálidas estas pinturas, independentemente dos seus tons e temas, para convidar á proximidade e a unha mirada atenta, de contemplación tensa. A contorna pintada permanece presente na pintura dunha maneira máis física, desbordando o motivo. Nas pinturas de Javier Arce a representación descansa porque só reivindica a mirada, máis tarde as cousas aparecen, brotan, reivindicando o fragor do sinxelo e o amor polas cousas como deber cotián. Bon Hiver!

Javier Arce (Santander, 1973) está representado pola galería The Goma e é graduado en Técnicas de Estampación na Escola de Artes Aplicadas de Oviedo e Licenciado de Honra en Belas Artes na Universidade do País Vasco. Recibiu a súa mestría en Escultura da Escola de Belas Artes de Wimbledon, Londres. Foi galardoado co Premio da Fundación Marcelino Botín de Artes Plásticas e coas bolsas Leonardo da Fundación BBVA a Investigadores e Creadores. O seu traballo está presente en coleccións como a da Fundación Marcelino Botín, ARTIUM, IVAM, Museo de Bellas Artes de Santander, MUSAC, CAB ou a Fundación la Caixa, entre outras.

Detalle de la obra Sobre lo cercano (Waka), 2023. Óleo, lino, avellano. 28 x 25,5 cm

Comisario: David Barro

Esta exposición conta coa colaboración da galería The Goma de Madrid



Inauguración venres 26, 19 h