
Appleton. Lisboa
Tamara Feijoo
Tamara Feijoo
Un Breviario é un resumo dunha obra extensa. Tamén é un libro de memoria, ou un libro de apuntamentos. Nesta ocasión o Breviario de Tamara Feijoo é unha pequena colección de pezas que funcionan como mostras e experimentos pictóricos. Trátase de escollidos espazos de pensamento sobre a propia pintura, ensaios de taller, recorrencias e descartes, que dan forma a unha imaxinería persoal que funciona como resumo de toda a súa traxectoria.
Neste particular compendio están presentes o debuxo e a pintura -os seus medios de expresión fundamentais- en traballos cuxo soporte xoga tamén un papel importante. Así a artista utiliza papeis vellos e tocados polo paso do tempo provenientes de antigos cadernos e cartafoles que ela mesma vai recompilando para convertelos despois na base da súa obra. Tamén a táboa é un espazo que habita de maneira recorrente nesta exposición.
A súa pulcritude innata desprázase moitas veces cara a rexistros nos que combina a superposición de planos e os ensaios sobre a propia materia pictórica.
Se nas súas primeiras épocas a obra de Tamara Feijoo tendía á representación dunha natureza que se mostraba invasora en todo o seu espectro, aos poucos esa presenza do natural foise suavizando e limpando, e neste afán a artista chega a unha certa esencia da pintura, pendente das propiedades propias do medio e dos seus tempos e cociñas.
Xunto ao natural, o paso do tempo converteuse nun tema primordial no traballo da artista, na procura dos rastros e os ecos que ten nos seres vivos e a materia orgánica. Nas súas propias palabras «O ser humano, a natureza e o paso do tempo son os tres puntos crave da miña práctica artística. O que nun principio era un interese pola natureza como algo incontrolable que se escapa ao noso dominio e control, que coloniza espazos e modifica o medio que consideramos propio foise transformando aos poucos nunha investigación sobre a construción subxectiva da paisaxe, a paisaxe como creación da nosa mirada, así como a influencia que ten na nosa forma de ser ou sentir».
Breviario percorre a senda iniciada por Tamara Feijoo no seu proxecto DOODVEW no que rescataba a expresión de orixe neerlandés utilizada para definir a capa de cor opaca que proporcionaba os medios tons. Tratábase dunha pintura pobre, elaborada con pigmentos mesturados nunha emulsión acuosa, sobre a que se aplicaban finas veladuras de cores brillantes e translúcidos, mesturados cun medio graxo como o óleo. A presenza desta primeira capa opaca era a encargada de proporcionar maior profundidade e verosimilitud e a que permitía reflectir a luz dun modo máis realista. En base a esta idea, a artista realiza agora en Breviario unha pintura na que o decapado e substracción de volven fundamentais propoñendo unha análise daquilo que soporta á propia pintura como as súas estadas principais. Tamara Feijoo fixa a mirada nun espazo íntimo e pequeno, de relación co pigmento e o soporte, co trazo pictórico, cos fondos e a combinatoria de cor, na procura da veladura, a textura e a calidade da propia materia.
En Breviario apúntase a idea da pintura como proceso, como algo que atopa a súa potencia artística moito antes do resultado final. Para Tamara Feijoo todo na pintura é importante. Incluso os soportes elixidos determinan a calidade da obra, nesta ocasión as pequenas táboas e os papeis vellos tratados por ela mesma para conseguir as pátinas desexadas. Tamén a imprimación da pintura realizada con media creta, branco de España, aceite de linaza, cola de coello, e os pigmentos que dan a profundidade e crean as estadas da pintura. Unha imprimación coñecida como cor morta que serve como base sobre a que aplicar a cor final e tamén sobre a que construír as imaxes.
En Breviario volve tomar como referencia aos mestres flamencos. A gama de cor nesta ocasión ten como protagonistas os pigmentos terra, o caput mortuum utilizado por estes mestres para recrear as túnicas dos cardeais. Un pigmento especial pardo avermellado que ten unha grande capacidade de transformación e convértese en púrpura coa imprimación volvendo outra vez ao seu estado orixinal cando a pintura se seca. Xunto a estes tons o cardenillo do óxido de cobre que dá tonalidades verdosas e que se empregaba para dar vida aos ceos. Tamara Feijoo utiliza a cor tendo en conta o seu compoñente simbólico, facendo que funcione coma un sinal. A través destes tons en Breviario se intúe e refire a volta á figuración da artista, con imaxes que percorreron toda a súa traxectoria. Apuntamentos de ollos, plantas, mantos, pezas de taller, pequenos descartes que recrean o seu universo poético e persoal.
En Tamara Feijoo a pintura volve escapar de si mesma para devolvernos a súa capacidade representativa, pero sobre todo evocadora dun espazo persoal que é o espazo do taller, do estudio entendido como laboratorio, como lugar de xogo e posibilidades desde o que se recrea o universo.
- Mónica Maneiro -
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Tamara Feijoo foi merecedora de recoñecementos en case todos os certames dedicados á promoción da arte en Galicia: Bolsa do Certame Novos Valores da Deputación de Pontevedra, Premio de Adquisición no Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, Bolsa de Creación Artística no Estranxeiro Gas Natural Fenosa ou Premio Julián Trincado na 12 Mostra Internacional de Arte Gas Natural Fenosa.
Participou na feira de arte emerxente JUSTMAD da man da súa galería Marisa Marimón e a súa obra atópase en importantes coleccións como a Colección CGAC, Colección DKV, entre outras.