DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Carlos Aires. The End

Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End
Carlos Aires. The End


DIDAC. Santiago de Compostela


Carlos Aires

21 febreiro, 2025 a 16 maio, 2025

En 1966 Jim Morrison escribe The End, un tema co que dicía adeus a unha parella sentimental e que derivaría nun lisérxico e famosísimo spoken word. Nesta canción de extrema pulsión vital, os símbolos entrecrúzanse e lévannos nunha viaxe polo ciclo infinto da vida. Agora Carlos Aires recolle esta inspiración e afonda na idea do final, na delgada liña que separa vida e morte nun mundo marcado pola violencia,
o xenocidio e a ansiedade suicida.

A peza que dá nome á exposición ten unha inspiración directa nos gravados realizados por Andrés Vesalio, un coñecido anatomista nacido en Bruxelas no século xvi e autor do libro De humani corporis fabrica, considerado o primeiro tratado moderno de anatomía. Vesalio partía do natural para realizar os seus debuxos, tomando como modelos membros diseccionados e separados da pel. Os resultados, dunha gran beleza formal e un expresionismo vívido, serviron para botar luz sobre a verdadeira estrutura corporal humana con toda precisión. Carlos Aires retómaos agora para dar forma á portada dunha nova partitura da canción de Morrison, esta vez firmada a dúas mans. En The End, xunto á autoría do músico, atopamos a do artista, que realiza as serigrafías co seu propio sangue.

Tamén forma parte da exposición a instalación El mundo, na que nos atopamos cara a cara co derrube da cultura occidental asentada na busca de coñecemento, nos mitos, as artes e o afán científico, pero tamén na loita relixiosa, na pugna polo territorio, na alienación e a distopía. The End lévanos a pensar no final dun ciclo e en ídolos caídos, pero tamén na esperanza, na nosa capacidade de apuntalar, de soster de forma individual e tamén colectiva, para evitar a destrución. 

A instalación está constituída a partir dun conxunto de puntais nos que o artista gravou unha serie de frases pertencentes a coñecidos temas dunha peculiar banda sonora, tamén sentimental e sensorial. Con eles sostén os latóns, réplicas de seccións de grandes esculturas, obras mestras da historia da arte que serviron para representar o ideal de beleza, proporción e a grandeza da cultura clásica. Así, o Apolo do Belvedere, a Afrodita de Cnido, o Hércules Farnesio ou o David de Miguel Ángel, son producidos novamente por Carlos Aires a partir de arquivos dixitais descargados de internet, convivindo coa imaxinería barroca cristiá e coa imaxe do ladrillo e o puntal como símbolos da construción e o sostén da nosa sociedade occidental.

As caixas nas que viaxan as obras da exposición están acompañadas polo ataúde do propio artista, presente nas súas mostras dende hai anos, e en cuxo interior atopamos escrito o After I'm gone de Jimmy Scott, outro tema musical de despedida co que The End pecha o círculo de vida, amor e morte que compón esta exposición, como un eterno retorno do idéntico, exemplificado na figura do uróboro, a serpe máxica que morde a cola.

Carlos Aires nace en Ronda, Granada. Despois de licenciarse en Belas Artes pola Universidade de Granada en 1997, trasládase a Holanda e completa os seus estudos de posgrao na Academia Fontys (Tilburg, Países Baixos), ouo HISK (Amberes, Bélxica) e a Universidade Estatal de Ohio (EUA). Participou en numerosas exposicións en institucións nacionais e internacionais como no MACBA (Barcelona), Le Delta (Namur, Bélxica), CAC (Málaga), Boulder Museum of Contemporary Art (Boulder, EUA), Imperial Belvedere Palace (Viena, Austria), Conde Duque (Madrid), Maison Particulière Art Center (Bruxelas, Bélxica), BB6 Bucharest International Biennale for Contemporary Art (Bucarest, Romanía), 5ª Bienal de Arte Contemporáneo de Tesalónica (Tesalónica, Grecia), Museo de Arte Carrillo Gil (Cidade de México, México), Palazzo Riso-Museo de Arte Contemporáneo de Palermo (Sicilia, Italia), Museo de Bond (Bruxas, Bélxica), Museum of Modern and Contemporary Art Rijeka (Rijeka, Croacia), Artium Museoa (Vitoria-Gasteiz) ou no Centro de Arte Dos de Mayo (Madrid), entre outras. A súa obra atópase en importantes coleccións públicas e privadas.