DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Far Away Water Won´t Save Closeby Fire


DIDAC. Santiago de Compostela


Francisca Aires Mateus

24 maio, 2025 a 19 setembro, 2025

Far Away Water Won't Save Closeby Fire é un proxecto que analiza as implicacións da tradución. 

O noso mundo particular está moldeado a través da linguaxe: signos particulares, dos que a lingua forma parte. Este proceso non ten o seu desenvolvemento de forma individual, senón que é o resultado de contextos culturais complexos, propios de cada grupo social.

Dicía Nietzsche que a linguaxe é unha maneira de alcanzar o inalcanzable, unha formalización da nosa aprehensión estética do mundo a través de imaxes. A linguaxe é un conxunto de metáforas a través das cales cremos entender, clasificar aquilo que nos rodea e que nos sucede. Pero a linguaxe non é inamovible. É unha gran construción cultural compartida, que busca facer o mundo comprensible para todos nos mesmos códigos. No seu uso corremos o risco de crer que entendemos o mundo, mentres que só chegamos a un consenso sobre unha parcialidade que chamamos «realidade».

Cada sociedade ten o seu propio conxunto de significados, formas de percibir determinadas realidades. Esta diversidade non impide o entendemento mutuo entre culturas diferentes, senón que a comprensión do diferente é un rico proceso de transformación que pode levarnos a lugares novos e imprevistos.

Cando Francisca Aires Mateus se aventurou a realizar unha residencia artística en Hong Kong, quixo absorber o máximo posible daquela cultura tan diferente á súa. Con todo, unha vez inmersa, pronto se deu conta da súa inmensidade —a tarefa resultou imposible de levar a cabo durante os tres curtos meses que pasou alí.

Esta experiencia levou á artista a reflexionar sobre o concepto de tradución: un proceso que permite comprender mentres que altera o significado orixinal da mensaxe.

É case imposible asimilar un texto nunha lingua estranxeira. Non se trata só de buscar palabras con significados similares, senón de comprender todo o contexto cultural da mensaxe en cuestión, buscando conexións que non sempre son fáciles de establecer.

Far Away Water Won't Save Closeby Fire parte desta idea.

Nun intento de amplificar os pequenos cambios que sofre o texto na tradución, Francisca Aires Mateus gravou varios contos populares en cantonés, unha lingua vernácula que conserva moitas das características do chinés antigo. Cada gravación sonora foi despois sometida a un proceso de edición, no que se separaron e reorganizaron as palabras segundo a súa sonoridade e ritmo, deixando que se desvanecese a propia historia en favor da creación de pezas sonoras con carácter propio.Por último, estes textos foron novamente traducidos ao inglés.

O resultado é esta videoinstalación inmersiva que convidao espectador a penetrar no proceso da tradución e na transformación da mensaxe que ten lugar no seu desenvolvemento.

Francisca Aires Mateus (Lisboa) é unha artista polifacética cun traballo que xorde da intersección entre as artes visuais e a música. Na súa obra utiliza linguaxes e prácticas mixtas como o debuxo, a performance, o vídeo e o son.

É licenciada en Pintura pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Lisboa e en Violín polo Associated Board of the Royal Schools of Music, ten un máster en Fine Art Media pola University College London e recentemente finalizou os seus estudos de postgrao en Arte Sonora na Universidade de Belas Artes de Lisboa.

Foi merecedora do Premio de Arte Edifício dos Leões (Banco Santander) e en 2018 foi unha das gañadoras do concurso Portuguese Emerging Artists. Ten participado en diversas exposicións individuais e colectivas.

En colaboración con Appleton Associação Cultural.