DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Hisae Ikenaga. Andamiajes domésticos [Estadas domésticas]


DIDAC. Santiago de Compostela


Hisae Hikenaga
Comisaria Mónica Maneiro Jurjo

24 setembro, 2026 a 29 xaneiro, 2027

Hisae Ikenaga pasa tempo reflexionando sobre os obxectos e sobre as técnicas, buscándolles a alma. A ela gústalle investigar como funcionan as cousas e o xeito en que son producidas. Tamén lle interesa a arqueoloxía sempre que permite revelar o cotiá do pasado, e gústalle xogar coa idea de que o seu traballo pode funcionar en certo xeito provocando unha similar atención sobre os obxectos que nos rodean.

Formada entre México, Xapón e España, o seu traballo zumega, desde os inicios da súa carreira, certo eco de mestizaxe. Unha loita interna entre a adecuación ao sistema industrial amplamente implantado en Europa, unha industrialización a medias, a vivida en México, e o eco de toda a tradición xaponesa, entre a tecnificación máis nova e o respecto ao traballo artesán. Como un camiño vital entre o pasado, o presente e o futuro, un tránsito no que ela se apresura a rescatar mostras da nosa forma de vivir.

O traballo de Hisae en relación cos obxectos ten que ver moi claramente coa propiedade da función. “Existe unha gran diferenza entre o gran deseño e o que chega ao popular. O que chega ao popular é algo totalmente deformado”, di Hisae Ikenaga. En Andamiajes domésticos [Estadas domésticas], unha grande estrutura modular, adaptable e móbil, introdúcenos no universo daqueles deseños ocultos no interior dos nosos fogares e edificios; estruturas que suman unha maraña de condutos que habitualmente non se ven, pero conforman a parte interna dos nosos fogares. Tamén nos leva a pensar nas estruturas tubulares do noso mobiliario urbano; coas pasarelas, pasamáns, elementos de agarre de contedores e bicicletas. Todos estes elementos contan cunha dobre función de delimitación e control, pero tamén serven como elementos de axuda e actúan como facilitadores para toda a nosa vida na cidade, a súa natureza aparentemente simple esconde un paradoxo que informa das constantes contradicións das nosas formas de organización social.

Xunto a esta grande intervención Andamiajes domésticos [Estadas domésticas] recolle obras de parede que funcionan como mobles contraídos. Son obxectos aos que roubou a súa tridimensionalidade para convertelos en pezas cuxo carácter é case pictórico, plano, suspendido. Os tubos cromados e as cores dos taboleiros funcionan como elementos básicos da súa forma e lévannos ao universo de mobles tubulares como a cadeira Wassily, a primeira cadeira tubular deseñada nos anos vinte por Marcel Breuer mentres era profesor na Bauhaus. Neles apóianse unha serie de pequenos obxectos esquecidos. Unha percha, unha carteira, un anciño, ou un plumeiro, humanizan o espazo das obras, róubanlles un posible carácter minimalista para achegalas á ironía do encontro. Como di a artista, “gústame que as pezas choquen con certos detalles”.

A cerámica é outro dos materiais clave dos procesos artísticos de Hisae Ikenaga presente en Andamiajes domésticos [Estadas domésticas]. Este material tradicionalmente estivo asociado a obxectos que se atopan na casa, que vinculamos os actos da nosa vida cotiá e tamén a certos mobles, así como a pezas decorativas.

A cerámica para a artista ten que ver co habitar e forma parte do fogar, enchendo as nosas arquitecturas e servíndonos no noso día a día. Tamén garda unha relación clara con certos materiais arqueolóxicos que contan unha historia sobre o cotián, que informan de historias non contadas, moitas delas relacionadas coas tarefas femininas que sostiveron as sociedades ao longo da historia e que foron minimizadas e ocultadas, desposuíndoas da importancia que realmente tiveron como sostén da armazón máis íntima das nosas vidas en comunidade.

En definitiva, o traballo de Hisae Ikenaga está infestado de imaxes a través das que nos invita a repensar o hábitat contemporáneo dunha forma crítica e tendo en conta como as estruturas xeradas por nós teñen un impacto na paisaxe e o hábitat, pero tamén nas nosas formas de vida e mesmo na nosa organización como sociedade.

Mónica Maneiro Jurjo

Apoio da Deputación da Coruña e Kutur lx Arts Council Luxembourg
Apoio á produción: Konschtal Esch e Fundación Schleicht Lentz



Inauguración: 24 de setembro ás 19 h