DIDAC. Santiago de Compostela
Mery Pais
Mery Pais
Ley Eterna parte dunha acción en medio urbano, unha intervención sonora e colaborativa que agora se reconverte para o seu formato expositivo na Fundación DIDAC.
Ley Eterna trata sobre a relixión, a relixiosidade e as crenzas de iguais e de contrarios. Con estas obras a artista pretende unificar e separar opinións nun acto artístico, entrelazar culturas por medio das chamadas ás súas oracións, transcender a realidade mediante un achegamento.
A acción performativa tivo lugar na compostelá Praza da Quintana invadindo este espazo sagrado, único e propio, converténdoo nun espazo compartido, por medio do audio e a participación activa de performers e buscando simular un templo multicultural e interrelixioso. Agora Ley Eterna adquire outro formato, audiovisual, instalativo e fotográfico, dende o que achegarse ao proxecto.
A creación artística de Mery Pais ten a súa singularidade no seu achegamento transfronteirizo, feminista, intercultural. As súas obras están abertas a diversos medios e teñen un carácter participativo que interpela ao espectador para solicitar significados á obra propoñendo cuestións. As fronteiras culturais e relixiosas e as armas para derribalas están no centro da súa produción, poñendo á muller como protagonista que reclama un lugar no espazo creativo e vital das sociedades actuais.
----
Mery Pais é graduada en Belas Artes polo Institut National des Beaux Arts de Tetoun, Université Abdelmalek Essaậdi Marruecos. Máster en Creación e Investigación en Arte Contemporáneo pola Universidade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo.
Participou en diferentes exposicións, tanto individuais como colectivas, en España e no estranxeiro. O seu traballo parte da súa experiencia vital analizando a “imaxe do outro”, a visión entre individuos de culturas diferentes, utilizando distintos recursos para cuestionar e reflexionar sobre os estereotipos de forma gráfica. No seu traballo a arte é utilizada como estratexia para fomentar unha nova experiencia de achegamento entre individuos. A súa obra foi merecedora de premios tales como o Primeiro Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas e foi bolseira de diferentes residencias artísticas tales como o “III Encontro de Artistas Novos” Cidade da Cultura ou o Proxecto “Wom@rts” (Women Equal Share Presence in the Arts and Creative Industries). Durante varios anos dedicou o seu tempo a deseñar e impartir talleres creativos, na Rede Museística de Lugo, no Museo Thyssen Bornemisza e no Instituto Cervantes de Tánger e Tetuán (Marrocos) ademais da Fundación Premio Convivencia de Ceuta.
Inauguración 7 novembro ás 19 h