Ni principio ni fin. Françoise Vanneraud
Ni principio ni fin. Françoise Vanneraud
Ni principio ni fin é un libro que recolle a traxectoria da artista Françoise Vanneraud, editado pola Fundación DIDAC, que da continuidade á exposición homónima celebrada na súa sede en Santiago de Compostela no verán de 2023.
O libro conta cunha introdución do comisario David Barro e unha conversa entre a propia Françoise e a crítica e historiadora Mara Hoberman na que se fai un profuso repaso ilustrado dos últimos anos da traxectoria da artista. O percorrido complétase con senllos textos críticos de Pedro Medina e Juan Francisco Rueda que afondan nos temas predominantes da obra de Vanneraud: a deriva, o desarraigamento e a paisaxe.
O protagonismo da cuberta recae sobre o tríptico Tocar el vértigo, unha peza na que a neve está fisicamente “rascada” mediante o laminado das capas que compoñen o papel. A publicación engade un estrato máis ao aparecer a imaxe parcialmente velada por unha faixa de papel vexetal desgarrada. A manualidade da rotura remítenos ao minucioso proceso da artista e espértanos sensacións tan afíns á súa obra como a fraxilidade e a delicadeza.