
encontro
DIDAC. Santiago de Compostela
Unha parte significativa da traxectoria profesional de Pepe Barro está centrada no deseño gráfico aplicado a produtos concretos, entendendo cada encargo como un exercicio de análise estratéxica. O seu traballo non se limitou á creación formal, senón que implicou un proceso de diálogo co cliente para identificar con precisión a natureza do proxecto, o seu posicionamento e as súas necesidades específicas.
O deseño da imaxe para produtos determinados esixe atender a condicións particulares de mercado, públicos, canles de distribución, valores corporativos e contexto cultural. Cada solución gráfica responde, así, a unha estrutura conceptual propia. Trátase de traducir visualmente a esencia de cada iniciativa nun sistema coherente, funcional e sostible no tempo, capaz de diferenciar e consolidar identidade.
Estes procesos marcados polas probas, os axustes sucesivos e o traballo conxunto entre empresa e deseñador serán abordados na conversa con Nuria Varela (Pazo de Vilane), Anxel Viña (Denodo) y Xosé Ramón Durán (Terras de Asorey), dentro do ciclo de conversas O arquivo de Barro. Unha oportunidade para analizar metodoloxías, criterios de decisión e dinámicas de colaboración que permiten transformar proxectos empresariais en marcas consolidadas a través do deseño.
Este proxecto conta co apoio do Ministerio de Cultura, da área de cultura da Deputación de Coruña e do Concello de Santiago de Compostela.
