DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Teresa Búa

 
performance
DIDAC. Santiago de Compostela

sábado, 11 setembro, 2021 - 12:30

Teresa Búa considera vida e obra como conformantes dun todo na súa metodoloxía artística, na que combina a investigación da súa propia identidade coa do seu entorno en clave persoal e antropolóxica. Así, traballar coa cultura galega, co patrimonio material e inmaterial de Muxía, da Costa da Morte e de Galicia son punto de partida da súa creación.

O encaixe que camiña foi o proxecto que desenvolveu durante a súa residencia In situ de artes vivas na Fundación DIDAC e proponse a modo de cóctel de accións románticas e políticas capaces de dar valía, fomentar o coñecemento e repensar a nosa tradición, co concello de Muxía e o Santuario da Virxe da Barca coma protagonistas. O proxecto estructúrase a partir de tres accións principais a través das cales implicar á veciñanza nun proceso de reflexión socio-cultural e artística a un tempo.

A primeira destas accións consistiu nunha performance na que a artista, ataviada cun vestido con encaixe inspirado na peza interior -enagua- do traxe tradicional, foi percorrendo o perímetro do Santuario da Barca envolvéndoo con encaixe feito en tempo real polas palilleiras da zona. A artesanía popular e a arte contemporánea estreitaron as súas relacións nunha peza inspiradora capaz de levar novas formas artísticas ao rural mentres reivindica a calidade das súas tradicións.

Ao mesmo tempo, Teresa Búa colocou na Casa das Beiras dous buzóns nos que, a modo de estudo xeracional, convida ás persoas nadas antes de 1990 e a aquelas que o fixeron despois desa data a escribir as súas propostas para o novo retablo do Santuario da Barca, derrubado por mor das chamas no ano 2003 e unicamente sustituido por un vinilo coa fotografía a tamaño real do antigo retablo. A través desta acción, a artista activa unha análise sobre os modos de pensamento e intereses de diferentes xeracións en relación co seu patrimonio más próximo.

Co obxectivo de continuar poñendo en valor a contorna, a última das accións consistirá na reproducción a escala da planta do Santuario da Barca co debuxo do encaixe as conchiñas, acompañado por un audio co son do mar e o Himno da Virxe cantado por devotas e devotos. Crearase un espazo no que calquera persoa poderá camiñar, pensar, sentir e escoitar.

Teresa Búa (Muxía, A Coruña, 1991)

Graduada en Belas Artes e con Mestrado en Arte Contemporánea, Creación e Investigación pola Universidade de Vigo, Teresa Búa conta tamén con Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (ESDEMGA, Universidade de Vigo). Esta dobre formación enmarca o seu traballo dentro de preocupacións moi diversas como a fotografía, o deseño, a moda e a performance, que habitualmente combina nos seus proxectos. Estivo presente en mostras colectivas tanto en España coma no estranxeiro e realizou performances en espazos como La JUAN Gallery (Madrid) a Fundación Antonio Saura (Cuenca) ou a Fundación Laxeiro (Vigo), ademais de en espazos públicos no marco de diversos programas ou festivais.