DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Sara Donoso

Sara Donoso
 
curso-formacion

Galicia. Un século de creación. 1916-2016

DIDAC. Santiago de Compostela

mércores, 19 decembro, 2018 - 19:00

Experiencia e experimentación. O cinema galego non profesional no termo da ditadura

Tras as escuras décadas previas, os anos setenta comezan en España a avanzar un proceso de cambios sociais e culturais que culminarían coa denominada transición democrática. Este escenario influíu no terreo da cinematografía en Galicia, onde aparecen unha serie de novos autores que tomarán parte no coñecemento das diferentes correntes internacionais, agrupándose en coletivos (Lupa, Imaxe, Enroba) co obxectivo de ofrecer un progreso conceptual desvencellado desa imaxe mitificada de Galicia. Cunha infraestrutura escasísima, estes movementos buscaron explorar a capacidade creativa do cine, interesándose pola relación coas artes plásticas, desligándose do modelo clásico de representación e reivindicando o carácter nacionalista. Esta inclinación por quebrar as lóxicas cinematográficas convencionais foi sen dúbida renovadora, aínda que a proxección e difusión dos seus filmes se reducía a pequenos círculos culturais.

Sara Donoso é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente compaxina o labor investigador con colaboracións como crítica de arte e os seus proxectos de educación e mediación cultural, colaborando coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra como Community Manager e redactora.
Entre os seus proxectos recentes destacan a coordinación do ciclo Moda e arte. Confluencias e hibridacións para o MAC de A Coruña, ou o relatorio Cine, paisaxe, pintura. Unha mirada ao audiovisual galego contemporáneo na Facultade de Filosofía da USC. Comisariou, entre outras, exposicións como O deseño na oficina no século XX. Da máquina de escribir ao ordenador persoal; Puntos de pintura ou Loureiro. Perfís de realidade, e coordinou mostras como o 23 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2014 (2014).
Destacan as súas publicacións Antes, durante, despois. Entrevistas con exestudantes da Facultade de Belas Artes (2018); Paisaxe e pintura no audiovisual galego contemporáneo. Dous casos prácticos que se abrazan dende os extremos: Carla Andrade e Xisela Franco (2016). Colabora con revistas como DARDOmagazine, Fotocinema ou Obradoiro de Artesanía.