DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas

Alain Urrutia. Mirror Rim.

Alain Urrutia. Mirror Rim
Alain Urrutia. Mirror Rim
Alain Urrutia. Mirror Rim
Alain Urrutia. Mirror Rim
Alain Urrutia. Mirror Rim
Alain Urrutia. Mirror Rim
Alain Urrutia. Mirror Rim


DIDAC. Santiago de Compostela


Alain Urrutia

15 decembro, 2017 a 28 xaneiro, 2018

A exposición MIRROR RIM do artista Alain Urrutia (Bilbao, 1981), que está producida pola Fundación DIDAC co apoio de Instituto Vasco Etxepare, mostra un total de once novas pinturas que presentan imaxes que se poden voltear dun xeito que aínda quedando nunha posición oposta á que teñen nun principio, funcionan igualmente dende un punto de vista plástico. Ao crear imaxes reflectidas no seu eixo vertical que en composición funcionan ao ser xiradas, os cadros poden ser mostrados en cada unha das dúas posibles posicións, de aí que se na Fundación DIDAC son mostrados dun xeito, no mes de maio de 2018 no espazo de Appleton Square en Lisboa serán mostrados de xeito contrario. Así, a segunda exposición pasa a ser o reflexo da primeira. De aí que para o título, MIRROR RIM (O borde do espello), se pensase nun palíndromo, que pode lerse de dereita a esquerda e de esquerda a dereita.

O traballo de Alain Urrutia analiza novas lecturas de imaxes preexistentes, fragmentando e reconstruíndo a realidade das mesmas, eliminándolles a súa propia historia a través da pintura; un xogo de sombras no que a través de capas en branco e negro e de recursos como o encadre e a ocultación destácanse algúns detalles para producir imaxes con certo grado de misterio. En MIRROR RIM cada imaxe ten a súa razón de ser dentro do conxunto, pero a idea que engloba o proxecto fai que a particularidade do que sucede en cada cadro quede nun segundo plano. Neste sentido, os últimos proxectos de Alain Urrutia formalízanse do mesmo xeito: cadros de pequeno formato dispostos de forma espaciada no espazo expositivo. Preocupado pola recepción do espectador, por abrir as posibilidades de conexión entre os motivos representados e coa idea de dotar ao seu traballo dunha unidade formal dentro da que poidan ocorrer cousas de moi diferente signo, consegue así gran elasticidade na lectura conceptual.

Simultáneamente a esta exposición presentouse un libro, editado por Dardo, que recolle o traballo realizado polo artista nestes últimos cinco anos. A publicación conta cun texto da comisaria do Museo Guggenheim, Geaninne Gutiérrez-Guimarães, e unha conversa de David Barro con Alain Urrutia.

Alain Urrutia [Bilbao, 1981] vive e traballa en Londres. Graduado pola Universidade do País Vasco e a Academia de Brera de Milán en 2004, realizou residencias no estranxeiro no MA Studio de Beijin (2011) ou no Rogeland Art Centre de Stavanger (Noruega, 2008) entre outras. Alain Urrutia expuxo o seu traballo en centros de arte internacionais entre os cales se inclúen o Boston Centre for the Arts, CA2M Madrid, Artium Vitoria e o Museo Guggenheim de Bilbao. Alain Urrutia está representado polas galerías Casado Santapau de Madrid e Juan Silió de Santander.